Santiago, 23 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a promover contactos co marco decisorio en Bruxelas, da man do sector, para que se poida exercer como unha única voz e de xeito organizado nos momentos previos á toma de decisións que afecta á pesca.
O deputado popular Alberto Pazos lembrou que “na actualidade son moitas as decisións que afectan ao sector da pesca que son tomadas dende a Administración Europea”.En concreto, indicou que a Política Pesqueira Común en base aos principios de estabilidade relativa recolle os TACs e cotas para cada ano; o novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca que busca unha pesca sostible; a diversificación das economías costeiras; o apoio a proxectos que xeren emprego no mar e a mellora na calidade de vida nas costas; ou tamén os regulamentos de medidas técnicas, así como o de recollida de datos e control ou a normativa de seguridade de a bordo.
Pazos considerou “fundamental que exista unha estreita relación entre o centro decisorio e a realidade do sector” e neste sentido lembrou que o Partido Popular xa ten organizado visitas a Bruxelas con representantes da pesca galega co obxectivo de establecer unha reciprocidade entre sector e institucións.