Santiago, 21 de setembro de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a fomentar a participación de Galicia en experiencias internacionais de intercambio e coñecemento con países e rexións que teñan en marcha tamén iniciativas de mobilización das terras agrarias.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado manifestou que “os obxectivos prioritarios na acción do goberno tanto de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) como da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural son a promoción das actuacións que se levan a cabo para a mellora da estrutura territorial agraria de Galicia e da mobilización das terras en estado de abandono”.
500.000 HECTÁREAS CONCENTRADAS
Neste sentido, salientou que “a concentración ou reestruturación dos terreos rústicos de Galicia acadan un resultado de case 500.000 hectáreas de superficie nas que se remataron as actuacións ou que están a pique de rematarse”.
Gómez Salgado afirmou que “toda esta bagaxe de coñecementos e experiencias na xestión de terras e a mobilización de espazos agrarios abandonados é a que se está poñen en coñecemento dos socios na Rede de Xestión de Terras de FAO, da que Galicia é un dos socios que máis propostas e exemplos está a poñer enriba da mesa”. “Podemos dicir que, a través destas experiencias, Galicia estase poñendo no mapa da Unión Europea como unha das rexións pioneiras neste tipo de xestións”, asegurou.
“Consideramos que é fundamental a promoción das actuacións que se están facendo en Galicia no eido da xestión de terras agrarias, no máis amplo sentido do termo, así como compartir experiencias con outras rexións ou países que sirvan para mellorar a posta en marcha de proxectos de mobilidade de terras en Galicia, que e un dos obxectivos na que a Consellería do Medio Rural, a través de Agader co instrumento do Banco de Terras de Galicia, está fortemente implicada”, dixo o deputado popular.