Santiago, 10 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a continuar traballando en mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil na estrada PO-308 ao seu paso polo concello de Poio, nomeadamente nos treitos Combarro-Chancelas-Samieira e Combarro-Fontenla, executando este último treito neste ano 2022.
A deputada popular Lupe Murillo salientou que a Xunta “está a cumprir os compromisos adquiridos para mellorar a seguridade viaria na PO-308, tanto no concello de Poio como noutros municipios polos que tamén discorre esta estrada, poñen especial énfase na protección dos peóns”.
En concreto, afirmou que “se está a tramitar ao mesmo tempo a senda e a mellora viaria no tramo Fontenla-Combarro, ao tempo que segue a avanzar na nova información pública do tramo Combarro-Chancelas-Samieira.
Lupe Murillo indicou que “a Xunta ten mobilizado na mellora da PO-308 máis de 15,65 millóns de euros, que se completarán a curto prazo con outros 2,14 millóns nas sendas e melloras de seguridade viaria na contorna de Combarro, por un lado en Fontela e por outro en Chancelas e Samieira”.