Santiago, 27 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción realizada entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que insta á Xunta a seguir coas melloras nas infraestruturas do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, continuando coas adaptacións das ventás exteriores para mellorar a ventilación e seguridade do centro no menor espazo de tempo e avaliar as necesidades técnicas do centro para dar cumprimento aos protocolos e plans anti-covid.
A deputada do Grupo Popular Elena Suárez Sarmiento lembrou a reunión celebrada onte por parte da Xefatura Provincial de Educación en Pontevedra e o equipo directivo do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, na que se chegou a un acordo sobre a mellor solución para os problemas de ventilación deste centro educativo e anunciouse a decisión de iniciar as obras nos vindeiros días.
DIFÍCIL SOLUCIÓN
Elena Suárez lembrou que “este problema vén de tempo atrás e a solución non é sinxela pola singularidade do edificio onde está localizado o conservatorio e pola situación actual da pandemia, xa que a ventilación natural é a recomendada como mellor alternativa para o cumprimento da normativa de seguridade fronte á Covid-19”.
Na reunión celebrada onte, a Xefatura Territorial puxo de manifesto que a única opción válida é acometer, en diferentes fases, as adaptacións da carpintería exterior para mellorar a ventilación do conservatorio con aire natural. Deste xeito, anunciou que estas obras iniciaranse nos vindeiros días e afectará a arredor de 30 fiestras que precisan dunha intervención máis inmediata, unha actuación que suporá un investimento de 30.000 euros.