Santiago, 21 de abril de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita que o Goberno central amplíe o prazo de alegacións ao proxecto de orde dos novos prezos eléctricos e dos pagos por capacidade que se aplicarán a partir do vindeiro 1 de xuño, de xeito que os axentes poidan analizalo en profundidade e formular as correspondentes alegacións.
“Xa estamos acostumados a que cando o Goberno de Pedro Sánchez fai un cambio nalgunha cuestión que teña unha compoñente económica, non só non a mellora senón que a empeora, e en vez de pagar menos, pagamos máis”, lamentou a portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa.
A iniciativa parlamentaria tamén inclúe a solicitude para que o Goberno de España amplíe o dereito de poder acollerse ao prezo voluntario ao pequeno consumidor (PVPC) ata potencias iguais ou inferiores a 15 kW para o consumidor doméstico; realizar estudos de facturación da enerxía eléctrica de domicilios e empresas para coñecer o impacto económico real dos novos cargos e peaxes na factura de electricidade; conceder máis peso específico ao termo de enerxía que ao de potencia; e realizar campañas informativas que axuden ao consumidor a facilitar a toma de decisións para facer un consumo máis eficiente.
SEN PRAZO PARA COÑECER O DECRETO
Marta Nóvoa explicou que “este proxecto de orde desenvólvese en aplicación do Real Decreto polo que se establece a metodoloxía para o cálculo dos cargos de factura eléctrica, aprobado polo Consello de Ministros o pasado 9 de marzo e publicado no BOE o 18 de marzo. “Porén, ese mesmo 18 de marzo foi o último día de finalización do prazo de alegacións, o que implicou que moitos axentes non puideran coñecer o texto do Real Decreto co tempo suficiente para analizalo en profundidade e con rigor, dada a importante incidencia que ten o seu articulado na economía das familias e na competitividade das empresas”, apuntou.
“A partir de xuño, con estas novas tarifas, o prezo da luz se encarecerá para unha gran cantidade de consumidores, sobre todo os que teñan tarifa con discriminación horaria, uns 11 millóns de persoas en toda España, que sufrirán importantes incrementos”, indicou a portavoz popular, quen engadiu que “os beneficios que se agardan para os que teñan potencias de menos de 4,6 kW, que están suxeitas ao prezo para o pequeno consumidor, verán un impacto inapreciable na rebaixa da súa factura, debido a que teñen que contratar máis potencia e saír do mercado regulado, co conseguinte risco que trae o mercado libre”.
CAMBIOS NAS TARIFAS DE USO INDUSTRIAL
No caso das tarifas de uso industrial, Marta Nóvoa afirmou que “tamén se producen cambios e cos novos cargos e peaxes haberá un incremento dos custos de facturación de enerxía en comparación coa situación actual, o que implicará un sobrecuste na facturación de enerxía eléctrica”.
“Outro fracaso máis do Goberno de Pedro Sánchez que lastra a competitividade das empresas galegas, non só as que teñen un consumo hiperelectrointensivo, que, logo da aprobación dun estatuto electrointensivo fallido, están a pagar un prezo da electricidade moi superior en comparación con Alemaña ou Francia”, sinalou.
Con todo isto, a portavoz popular avanzou que “se aveciñan custes máis caros da electricidade a través da nova estrutura de cargos do sistema e das novas peaxes” e engadiu que “varios perfís de consumidores se verán afectados con importantes subas de prezo da luz pois, aínda que se pretenda abaratar o termo de potencia, non fai de contrapeso ao previsible incremento por enerxía en moitos dos casos, e moito máis no ámbito industrial, moi prexudicado xa polo actual sistema de prezos da enerxía en España”.