Santiago, 27 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central a cesión ou doazón, á maior brevidade, dos terreos e instalacións do antigo colexio de Celeiro en Viveiro para iniciar as obras de acondicionamento do mesmo e trasladar alí a Escola Oficial de Idiomas Luz Pozo Garza.
O deputado popular José Manuel Balseiro lembrou que no mes de abril de 2019 chegouse a un acordo entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro para trasladar a Escola Oficial de Idiomas ao antigo colexio de Celeiro. Esta actuación permitiría que a Escola de Idiomas vexa duplicada a súa superficie: pasando dos 659 metros cadrados útiles actuais a máis de 1.215 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas remodeladas na súa integridade e con melloras de accesibilidade e máis espazos.
CREAR UNHA RESIDENCIA
“Este acordo fará posible blindar a continuidade deste centro público de idiomas en Viveiro, dispoñendo dunhas instalacións máis amplas e modernas; ao tempo que o espazo que deixa libre nas súas actuais instalacións faría viable que a asociación de atención ás persoas con discapacidade intelectual Aspanane puidera ampliar as súas dependencias para novos fins sociais, en particular para crear unha residencia”, apuntou.
Porén, Balseiro lamentou que, “logo de 20 meses de espera, o Goberno central non foi quen de materializar esa cesión do antigo colexio de Celeiro, a pesar da solicitude realizada pola Xunta de Galicia”.