O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra dos deputados do PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España a contratación urxente do persoal necesario para cubrir as necesidades dos centros de atención dos mariñeiros existentes en Galicia de competencia do Instituto Social da Mariña (ISM), dotándoos ao mesmo tempo dos medios materiais e tecnolóxicos necesarios para axilizar os recoñecementos médicos. Así mesmo, mentres non se realizan estas melloras, solicítase establecer un plan de continxencia que permita atender inmediatamente as necesidades dos mariñeiros e impulsar convenios de colaboración con outras institucións sanitarias para garantir a súa cobertura médica.
A deputada popular Dolores Hermelo afirmou que “a falta de persoal no Instituto Social da Mariña está a crear un problema importante para os traballadores do mar, xa que a expedición dos recoñecementos médicos, sen os cales non poden embarcar, está a rexistrar importantes atrasos, poñendo en risco a saúde dos traballadores do mar e o funcionamento das frotas”.
ENVELLECEMENTO DO PERSOAL
Dolores Hermelo explicou que “o envellecemento do persoal que traballa neste sector, tendo en conta que ata os 50 anos as revisións sanitarias son bianuais pero a partir desa idade é anual, pon de manifesto a necesidade de máis facultativos, que tamén son os encargados de revisar os botiquíns das embarcacións e impartir os cursos de formación sanitaria”.
“Na actualidade xa temos direccións do Instituto Social da Mariña sen facultativo e sen enfermería, mentres outras resisten baixo mínimos, o que deriva en que os traballadores do mar están sen garantías sanitarias, tanto preventivas como de revisións e control”, indicou.
Diante desta situación, a deputada popular alertou que os mariñeiros “recorren a médicos ou farmacéuticos de pago para a revisión dos botiquíns ou para conseguir formación profesional”, o que se traduce tamén en que “os barcos non atopan mariñeiros e cando os teñen non hai médicos para tramitar os certificados médicos e poder enrolarse”.