Santiago, 30 de setembro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do Grupo Socialista, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a aprobación dun PERTE da cultura que contribúa ao fortalecemento do sector, con especial atención ás propostas presentadas polos diferentes axentes culturais no proceso de participación cidadá, en particular as remitidas pola Consellería ao Ministerio.
O deputado do Grupo Popular José Luis Ferro lembrou que “Galicia ten hoxe un sector cultural á alza, que en número representa o 3 por cento do PIB galego e máis do 3,6 por cento do emprego na Comunidade”.
DOCUMENTO ELABORADO CO SECTOR
Diante desta situación, a Xunta elaborou, en colaboración co sector, un documento, con 19 proxectos e un investimento total próximo aos 400 millóns de euros, que foi remitido ao Goberno central para a posta en marcha dun PERTE para a cultura, recoñecendo o seu papel en termos de xeración de riqueza e tamén o peso social e identitario.
“A resposta do Ministerio de Cultura ata o momento foi evasiva e non valorou a petición de Galicia, ignorando as achegas presentadas polas entidades culturais galegas”, lamentou José Luis Ferro.
Deste xeito, afirmou que “necesitamos ferramentas na cultura, como o PERTE, que xa se están levando a cabo noutros sectores”, porque “temos que aproveitar a oportunidade que os brindan os fondos europeos para impulsar unha cultura mellor e de vangarda que reforce e fortaleza do sector”.
“Queremos mellorar a competitividade e sostenibilidade do sector cultural e para iso a creación dun PERTE é moi necesario para conseguir a transformación dixital, o reforzo dos procesos de creación e produción, e dos programas que favorezan a distribución e a internacionalización da cultura galega”, engadiu.
Por último, Ferro considerou “crucial un reparto equilibrado dos fondos dispoñibles entre todos os sectores produtivos” e sinalou que “Galicia traballa na elaboración dun PERTE cultural que favoreza unha estratexia conxunta a nivel estatal que dea continuidade ao traballo que se vén realizando en Galicia”.