Santiago, 1 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que garanta e axilice a execución dos fondos FEDER para acadar o obxectivo de cobertura mínima de acceso a internet de 100 Mbps para o 100 por cento da cidadanía galega. “Cómpre urxir a posta en marcha das convocatorias pendentes polo Estado, xa que terán un papel chave en acadar que as redes de alta velocidade cheguen á totalidade da administración, das empresas galegas e da cidadanía”, sinalou a deputada popular Noelia Pérez.
Na súa intervención na Comisión 6ª, Noelia Pérez lembrou que “o acceso universal á Internet en Galicia conseguiuse grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, que nos posicionou como unha das primeiras rexións europeas en abordar unha estratexia integral para o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións e que permitiu, por unha banda, reverter a situación de desigualdade que sufría a nosa comunidade no que concernía ao acceso ao servizo de banda larga de calidade e, por outra banda, experimentar o maior crecemento en canto á implantación e uso de Internet nos fogares e empresas galegas”.
“Nas actuais circunstancias non podemos permitir que a falla de conexión de calidade sexa un novo obstáculo para as galegas e galegos”, polo que “o
despregamento de redes de alta velocidade ten que actuar desde xa como elemento tractor para a modernización dos servizos públicos e para mellorar a competitividade do noso tecido empresarial”, dixo a deputada popular.
AXILIZAR AO MÁXIMO
Noelia Pérez considerou “necesario seguir traballando e axilizar ao máximo aquelas liñas de actuación financiadas cos fondos FEDER plurirrexional para Galicia que dependen do Goberno de España e poder así garantir o cumprimento dos obxectivos que fixa Europa”. Así mesmo, indicou que o Goberno de España ten autorizado pola Comisión Europea que continúe concedendo axudas nos anos 2021 e 2022 para proxectos que, xunto cos que desenvolve a Xunta, permitan “continuar mellorando nos vindeiros anos a cobertura coa que contan os galegos”.
“Unha vez acadada a universalidade no acceso, debemos priorizar os esforzos en ampliar as infraestruturas de redes ultrarrápidas e proporcionar servizos de acceso a internet de 100 Mbps para a totalidade do territorio galego”, sinalou Noelia Pérez.