Santiago, 26 de xaneiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno central a solicitude para que amplíe o programa de apoio ao Xacobeo mediante a extensión das desgravacións fiscais ata o 31 de decembro de 2023.
O deputado popular Borja Verea lamentou que estes beneficios non se incluíran nos orzamentos do Estado para 2022, “pero existen textos lexislativos onde se pode incorporar esta ampliación para dar un exemplo de sentido común e de política construtiva”.
Borja Verea afirmou que “todos somos conscientes da importancia do mecenado nun evento como o Xacobeo”, polo que cualificou de “incomprensible a decisión do Goberno central de non ampliar os beneficios fiscais para este evento”. “Se se amplía no tempo o Ano Santo, o lóxico é ampliar tamén os beneficios fiscais”, sinalou, polo que demandou “corrixir esta situación anómala e incomprensible”.
Neste sentido, considerou “fundamental a participación do tecido produtivo e a colaboración público-privada para conseguir un acontecemento máis plural e colectivo, así como para converter o Xacobeo nun proxecto de país máis sólido”. En concreto, Verea lembrou que nestes anos o tecido económico galego respondeu a esta chamada de colaboración cunha aportación que superou os 20 millóns de euros.
AXUDAS DO ESTADO
“É unha anomalía que nin nos orzamentos xerais do Estado para 2021 nin no 2022 se aprobara partida orzamentaria algunha para o Xacobeo, e máis se vemos como outras cidades e rexións si perciben axudas directas do Estado”, como é o caso de Barcelona e os 20 millóns de euros que recibiu do Goberno central.
Para rematar, Borja Verea cualificou de “incomprensible” a postura que está a adoptar o PSOE respecto desta cuestión, xa que “son capaces de votar a en contra, como fixo nos orzamentos do Estado; absterse, no debate dunha proposta no Congreso; ou a favor, como fixeron hoxe no Parlamento galego, de ampliar os beneficios fiscais ao Xacobeo