Santiago, 1 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central a redución do IVE turístico, unha medida fundamental para a recuperación económica dos centos de miles de profesionais deste sector en Galicia.
O deputado popular Borja Verea sinalou que “esta medida excepcional é amplamente demandada polo sector, xa que aliviaría notablemente a carga fiscal á que están sometidos os visitantes, incentivando a demanda e dinamizando economicamente un sector profundamente debilitado nestes momentos”.
Así mesmo, o Grupo Popular aceptou a emenda do BNG a través da que se solicita ao Goberno central a redución do IVE cultural ao 4 por cento, como medida necesaria para a recuperación dun sector relacionado co sector turístico.
CAPACIDADE DE ARRASTRE
Borja Verea afirmou que o turismo “ten que ser un sector estratéxico na recuperación, non só por ser un dos sectores económicos máis debilitados pola pandemia sanitaria senón tamén pola súa capacidade de arrastre do resto das cadeas de valor”.
Na súa intervención, lembrou que “Galicia viña de completar varios anos con rexistros récord no eido turístico”, polo que cando chegou a crise sanitaria e o estado de alarma “a Xunta soubo que debía sentarse de inmediato co sector para que esas boas proxeccións non esmoreceran e contribuísen á recuperación socioeconómica”. Froito destes contactos foi a aprobación no mes de abril do Plan de reactivación do sector turístico e cultural, dotado con 58 millóns de euros, “do que a día de hoxe atópanse en marcha arredor do 80 por cento das medidas previstas”, salientou o deputado popular.
“Cremos que todo o esforzo dos anos anteriores e a anticipación durante o estado de alarma resultaron claves para que o turismo galego, así como os sectores asociados, fosen quen de adaptarse rapidamente e facer que Galicia se percibise este verán como un destino seguro”, manifestou Verea. Entre outras cuestións, destacou que a evolución do turismo galego é 22 puntos superior á media das comunidades españolas; Galicia foi a quinta comunidade con máis turistas; o 85 por cento dos hoteis abriron as súas portas; e as tarifas hoteleiras mantivéronse estables, mentres que en España caeron un 15 por cento.