23 de novembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno de España a realizar as accións oportunas para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA, en especial entre a mocidade. “Todos nós, como demócratas, temos a obriga de manter viva a memoria e o espírito de Ermua xa que, se non segue vivo, gañan os que tratan de reescribir con equidistancia unha historia que é un puntal da nosa memoria democrática”, manifestou o deputado popular Adrián Pardo.
Na súa intervención, Pardo lamentou que un estudo sociolóxico publicado este ano “evidencia o esquecemento e descoñecemento que se ten do secuestro e asasinato de Miguel Ángel Blanco, así como doutras vítimas coñecidas e simbólicas da banda terrorista ETA”. “25 anos despois do asasinato de Miguel Ángel Blanco, debemos lembrar a ese mozo inocente, pero tamén a ese movemento que permitiu apuntalar durante anos os nosos principios democráticos fronte a unha das principais ameazas que a sociedade española tivo que superar ao longo do último medio século, como foi a lacra do terrorismo”, indicou.
SÍMBOLO DA LOITA POLA ESPAÑA DEMOCRÁTICA
“Todas as vítimas do terrorismo de ETA deben ser recordadas, pero Miguel Ángel Blanco converteuse nun símbolo da loita da sociedade española por seguir construíndo unha España democrática, plural, respectuosa e libre da sinrazón terrorista, baixo o berro unánime de basta xa!”, lembrou.
Adrián Pardo manifestou que “a democracia española é o que é gracias, entre outras cousas, a esta unión que fixo que derrotásemos ao terrorismo etarra”, aínda que tamén amosou o agradecemento ás forzas e corpos de seguridade do Estado; aos concelleiros, en especial do PSOE, UCD e do PP, que foron militantes da democracia; á sociedade civil; e ás asociacións de vítimas do terrorismo”.
“Hoxe, máis que nunca, temos que seguir reivindicando esa España unida como a que se fraguou co espírito de Ermua; esa España comprometida coa memoria, a dignidade e a xustiza das vítimas do terrorismo; e esa España na que ningúen por defender as súas ideas, en ningún lugar, teña que sentir medo, ser increpado ou ser ameazado”, rematou.