Santiago, 17 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio dos deputados do Grupo Socialista, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a ampliación do programa de apoio ao Xacobeo 2021 mediante desgravacións fiscais ata o 31 de decembro de 2023.
O deputado popular Borja Verea manifestou que o Xacobeo “vai ser un acontecemento clave para Galicia desde o momento que se comecen a levantar as restricións sanitarias, polo que debemos favorecer que os seus beneficios se estendan a todo o territorio galego, descentralizando os fluxos turísticos e aproveitando os recursos de cada lugar para achegar riqueza a toda Galicia”.
EXCEPCIONAL INTERESE PÚBLICO
Verea salientou a importancia da colaboración público-privada na celebración do Xacobeo 2021-2022 “para mellorar os beneficios socioeconómicos e para conseguir un proxecto atractivo, novidoso e socialmente responsable”.
Neste sentido, lembrou que a celebración do Ano Santo Xacobeo ten a consideración de acontecemento de excepcional interese público, aos efectos do disposto na lei de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
A duración inicial do programa de apoio mediante desgravacións fiscais abarcaba desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2021. Posteriormente, este prazo foi ampliado ata o 30 de setembro de 2022, “unha decisión que neste momento é considerada insuficiente, xa que a propia extensión do Ano Santo ata 2022 esixe tamén unha ampliación deste programa ata finais de 2023”, sinalou o deputado popular.
MAPA DE XEODESTINOS DE GALICIA
Por outra banda, e logo dunha transacción co Grupo Socialista, o Grupo Popular apoiou a aprobación doutra proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que, unha vez atendidas as consultas e achegas relativas á modificación do Mapa de Xeodestinos presentadas polas entidades locais e previa consulta aos concellos e entidades supramunicipais, se proceda á elaboración e publicación do Mapa definitivo de Xeodestinos turísticos de Galicia, así como a desenvolver un marco normativo que regule esta figura.