Santiago, 25 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a traves da que se solicita ao Goberno de España que adopte as medias e decisións que sexan necesarias encamiñadas a prorrogar o prazo de vixencia da rebaixa do IVE das máscaras cirúrxicas desbotables, máis aló da súa data de finalización prevista para o 31 de decembro de 2021.
A deputada popular Noelia Pérez lembrou que “desde o primeiro momento defendemos a necesidade de reducir o IVE das máscaras por ser uns produtos esenciais na protección dos cidadáns fronte á Covid-19”. “Consideramos que era imprescindible que todos os cidadáns, con independencia do seu nivel de renda, pero sobre todo os máis vulnerables, puideran acceder a un prezo reducido a un produto que frea a propagación do virus, protexe da enfermidade e é de uso obrigatorio”, apuntou.
SINSENTIDO
Logo de numerosas solicitudes, o Goberno central aceptou rebaixar o IVE das máscaras ata o 31 de decembro deste ano. “Lamentablemente, o proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2022 non contempla o mantemento do IVE das máscaras no 4%, o que suporá que a partir do 1 de xaneiro volverá ao 21 por cento, co conseguinte incremento do seu prezo para todos os cidadáns”, dixo a deputada popular.
Noelia Pérez considerou “un sinsentido que o Goberno de Pedro Sánchez se plantexe subir o IVE dun produto de primeira necesidade, mentres o seu uso sigue sendo obrigatorio e persisten os contaxios, cando se demostrou que é a mellor ferramenta que temos, conxuntamente coa vacina, para loitar contra a extensión do coronavirus”.
“Pedimos un xesto do Goberno de España coas familias que cada día teñen máis dificultades para chegar a fin de mes e que o prezo das mascarillas obrigatorias para protexerse da Covid-19 non sexa un impedimento máis no día a día das familias máis vulnerables”, demandou.