Santiago, 2 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que cubra o a totalidade das prazas de profesionais sanitarios do Instituto Social da Mariña (ISM), dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, sinalou que “na actualidade o ISM ten sen cubrir en Galicia 10 prazas entre médicos de sanidade marítima, enfermeiros e oficiais sanitarios, o que supón un 30 por cento do persoal da sanidade marítima co que está dotado”.
DEMANDA TRASLADADA DO DIRECTOR DO ISM
“Nunha situación de normalidade xa é complicado entender que non estean cubertas as prazas do 30 por cento do persoal médico de sanidade marítima, pero nesta situación de pandemia provocada pola Covid-19 este feito é aínda constituínte dunha maior gravidade”, sinalou a portavoz popular.
Teresa Egerique incidiu que “Galicia defende a necesidade de dotar aos centros do Instituto Social da Mariña do persoal necesario para realizar as súas funcións con total normalidade, e así llo trasladou no mes de setembro á conselleira do Mar ao director deste centro”. Neste sentido, a deputada popular trasladou o pésame á familia e achegados do director do ISM, recentemente falecido a consecuencia da Covid-19.
OPTIMIZAR A PRESTACIÓN
Por último, referiuse a unha resposta dada polo Goberno central a unha pregunta formulada polo Grupo Popular no Congreso no mes de xuño, na que se afirmaba que o ISM “está valorando a situación a efectos de optimizar a prestación do servizo que se da nos distintos centros de sanidade marítima de A Coruña, ao obxecto de incrementar a súa eficacia e capacidade de resposta aos traballadores do mar”.
“Chaman a optimizar a prestación do servizo a pechar o ISM de Corcubión, como xa fixeron con anterioridade a pechar os centros do ISM de Muxía”, sinalou a portavoz popular, quen lamentou que “chaman incrementar a súa capacidade de resposta a non cubrir as prazas de médicos da sanidade marítima tan necesarias sempre, pero máis se cabe nestes momentos”.