O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que, a través do Ministerio de Igualdade, manteña o financiamento íntegro e estable do 100 por cento do Plan Corresponsables, sen recortes nin demoras, de forma que se garanta a continuidade dos programas iniciados desde 2021.
A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, criticou que o Goberno de Pedro Sánchez aprobara un recorte este ano de case 50 millóns de euros da súa achega ao Plan Corresponsables, ao pasar de 190 a 142,5 millóns de euros. “Un recorte do 25 por cento, sen marxe de manobra e chantaxeando ás comunidades autónomas con que ou poñen da súa parte ese 25 por cento ou non lles chegará nada do 75 por cento restante”, sinalou.
MARCHA ATRÁS
Deste xeito, demandou que “o Goberno de Pedro Sánchez dea marcha atrás ao seu anuncio de recortar o Plan Corresponsables, a única iniciativa que ten en marcha con medidas para a igualdade a través da conciliación e a corresponsabilidade, a pesar de presentarse como o goberno máis feminista da historia”.
Raquel Arias explicou que a través deste plan 60 Anpas, 170 concellos e unha vintena de entidades sen ánimo de lucro promoven actividades a favor da igualdade e a conciliación responsable, que o ano pasado beneficiaron en Galicia a máis de 30.000 nenos e nenas galegos e ás súas familias. Un plan que para Galicia tiña 9,3 millóns de euros anuais e que o Goberno central vén de recortar ata os 6,9 millóns, “case 2,5 millóns de euros menos para os programas madrugadores, para campamentos ou para actividades de corresponsabilidade”, concretou.