Santiago, 4 de maio de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que inclúa aos gobernos das comunidades autónomas no acordo para a transición xusta, no que se atopan o Goberno central, os sindicatos e as empresas.
“É inxustificable que non se tivese en conta ás administracións autonómicas neste acordo, cando recolle ámbitos de actuación de competencia das comunidades, como as políticas activas de emprego”, sinalou a deputada popular Marta Nóvoa.
O pasado mércores 24 de marzo, o Goberno central asinou con sindicatos e empresas o Acordo para a transición xusta das centrais térmicas en peche. “Resulta sorprendente que con milleiros de empregos en risco, tanto directos como indirectos, e co impacto socioeconómico indiscutible nos concellos nos que se localizan as centrais e nas comarcas colindantes, o Goberno central decida que as comunidades autónomas queden excluídas das decisións que afectan ao futuro industrial do seu territorio”, sinalou a deputada popular.
“No caso de Galicia, o Goberno de Pedro Sánchez autorizou o peche de Meirama sen ter alternativas sobre a mesa e agardamos que non faga o mesmo nas Pontes, onde defendemos que é viable a continuidade da central e o mantemento dos postos de traballo mediante o uso de biocombustibles”, afirmou.
Marta Nóvoa asegurou que “estamos de acordo cunha transición enerxética en España, pero unha transición xusta na que exista unha transición laboral, de aí que desde o primeiro momento a xunta estivo a traballar intensamente na busca dunha solución para As Pontes”. Así, concretou que “a solución a curto prazo pasa polo uso de biocombustibles, que se demostrou que son técnica, mediambiental e economicamente viables”.
“E a medio e longo prazo habería a oportunidade de desenvolver, co apoio dos fondos Next Generation, proxectos de transición xusta, como os atopados no Polo para a Transformación de Galicia e que pasan pola construción dunha planta de hidróxeno verde de 50 MW ampliados a 100 MW”, apuntou.