Santiago, 12 de decembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno central o reforzo dos seus programas para a inclusión social dos colectivos máis vulnerables, en particular recuperando as axudas para a atención e a acollida de menores estranxeiros non acompañados en Galicia e incrementando as contías destinadas ao Plan Concertado e ao Plan de desenvolvemento xitano para poder atender a demanda actual de servizos sociais.
A portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez Arias, lembrou que a Axenda Galicia, con 25 demandas principais do Goberno galego ao futuro Goberno de España, considera prioritario que se recuperen as axudas para a atención e acollida dos nenos, nenas e adolescentes estranxeiros non acompañados, así como o incremento das contías destinadas ao Plan Concertado e ao Plan de desenvolvemento xitano.
Rodríguez Arias salientou que desde 2015 se incrementaron por seis o número de nenos, nenas e adolescentes estranxeiros non acompañados que viven en Galicia, pasando de 35 a 193 nestes anos. “Porén, este incremento de menores estranxeiros non acompañados non se viu acompañado do correspondente orzamento, xa que pasamos de recibir 423.000 euros o pasado ano a cero euros no exercicio actual”, lamentou.
Ademais, a portavoz popular sinalou que “a conxelación das contías que o Goberno central destina ao Plan Concertado e ao Plan de desenvolvemento xitano son insuficientes para poder atender a demanda actual de servizos sociais e as necesidades da poboación máis vulnerable, polo que tamén é necesario proceder ao seu incremento”.
Actualmente, o Goberno de España asigna a Galicia un total de 3,3 millóns de euros anuais, cando en 2010 o importe por este concepto ascendía a 8 millóns de euros.