O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio de BNG nin de PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que solicita ao Goberno central que regule a prestación universal de servicios financeiros básicos ou esenciais, como oficinas ou caixeiros automáticos, de xeito que se garanta a súa prestación para todos os usuarios, cunha calidade determinada e a un prezo asumible.
A viceportavoz popular Cristina Sanz lembrou que desde a crise financeira de 2008 “España viviu un proceso acelerado de concentración bancaria que reduciu drasticamente a rede de oficinas, especialmente na zona do rural, un proceso que viu acompañado dunha dixitalización forzosa que non tivo en conta a realidade social de milleiros de persoas maiores, nin a fenda dixital que existe en amplas zonas do territorio”.
PROBLEMA ESTATAL
“Diante desta situación, a Xunta, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, foi unha das primeiras administracións autonómicas en poñer en marcha medidas para evitar que os concellos do rural quedasen completamente excluídos do sistema financeiro”, lembrou Cristina Sanz. En concreto, explicou que no ano 2020 asinouse un convenio entre o Goberno galego e a Fegamp para a adhesión de concellos sen oficina bancaria co fin de facilitarlles a instalación dun caixeiro e servizos financeiros básicos. Esta iniciativa permitiu dotar a 41 concellos galegos destes servizos, que beneficiaron a máis de 51.000 galegos e galegas, que puideron realizar máis de 480.000 operacións bancarias no seu propio concello.
Porén, Cristina Sanz manifestou que “a exclusión financeira non pode resolverse so desde o ámbito autonómico, porque se trata dun problema estrutural, de alcance estatal, que require unha resposta global e coordinada por parte do Goberno de España”.
“Por este motivo, solicitamos ao Goberno central que regule a prestación universal dos servizos financeiros básicos ou esenciais, de maneira que se garanta o seu acceso a toda a cidadanía con independencia do seu lugar de residencia ou da súa idade”, rematou.