O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que regule un sistema de protección ao consumidor baseado na incorporación de novas prácticas comerciais en ámbitos como a aplicación das tarifas máis baixas polos servizos contratados, un procedemento áxil para a baixa destes servizos ou, no ámbito dos seguros, reforzar a información cara aos clientes
A portavoz popular de Comercio, Felisa Rodríguez, considerou “preocupante que algunhas compañías de servizos, en especial no eido das telecomunicacións e da enerxía, sigan aplicando aos seus clientes máis antigos tarifas superiores a aquelas que ofertan como mecanismo de captación de novos clientes, mesmo despois do transcurso do período promocional”.
CONSUMIDORES VULNERABLES
“Pero resulta aínda máis preocupante cando os clientes consolidados son persoas consumidoras vulnerables, como as persoas maiores ou con menores coñecementos sobre o funcionamento do mercado e as distintas opcións de contratación que este lles ofrece”, apuntou.
Felisa Rodríguez manifestou que “ás tradicionais dificultades que desde sempre se atoparon as persoas consumidoras para poder tramitar a súa baixa como clientes destas empresas, súmanse agora as dificultades para poder desligarse dos servizos de moitas empresas”.
“Estas condutas, que poden considerarse abusivas para as persoas consumidoras, e esa desconfianza nas compañías provedoras prexudica tamén ás compañías que non fan uso deses abusos”, indicou a portavoz popular, quen engadiu que eses comportamentos “poden corrixirse incorporando boas prácticas comerciais”.
En concreto, Felisa Rodríguez demandou que as empresas, por propia iniciativa, apliquen aos seus clientes consolidados os servizos e tarifas vixentes máis baixas que ofrece aos potencias novos clientes; ao tempo que deseñan un sistema áxil e realmente eficaz que permita ás persoas consumidoras dar por finalizada unha relación contractual cunha empresa, en especial no eido dixital, sen aplicación de ningún tipo de permanencia mínima, sen aplicación de penalizacións e mediante un sistema de comunicación moi accesible e facilmente localizable en todas e cada unha das canles de comunicación que a empresa utilice para relacionarse cos seus clientes e coas persoas consumidoras en xeral”.
E por último, no ámbito específico dos seguros, solicitou que se reforce a obriga de información cara os seus clientes, tanto na comunicación anticipada das variacións que se vaian a producir nas primas e os motivos que xustifican os incrementos, como dunha maior flexibilidade para definir o alcance das coberturas, e prescindir así de prestacións innecesarias cando non son obrigatorias.