Santiago, 1 de xullo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se expresa o respaldo absoluto á Constitución, o Estatuto de Autonomía e ao resto do ordenamento xurídico como garantes do estado de dereito e da democracia no noso país; se apoia o labor que realizan os diferentes tribunais de xustiza, con especial mención ao Tribunal Supremo; e se insta ao Goberno de España a respectar as decisións dos xuíces, non utilizando a figura do indulto con fins partidistas, para beneficiar a aqueles que vulneraron a Constitución e cometeron múltiples delitos nos que, como manifestaron publicamente, pretenden reincidir.
A proposición non de lei do Grupo Popular contou co voto en contra tanto do BNG como do PSdeG . O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, explicou que “este non é un debate sobre Cataluña, nin sobre a independencia, nin sobre a reforma do tipo de sedición no Código Penal, senón sobre se os indultos son ferramentas máis ou menos lexítimas ou se aliviarán ou empeorarán a crise catalana”. “En definitiva, é un debate sobre si un goberno pode indultar aos seus socios políticos para que o sigan mantendo no poder”, dixo.
Tellado lamentou que “a única prioridade de Pedro Sánchez é pagar o trato que asinou cos independentistas cando o fixeron Presidente do Goberno, e non lle importa ter en contra o informe do Tribunal Supremo e da súa propia Fiscalía”. Neste sentido, criticou a súa “falta de escrúpulos e de principios”, ata converterse “nun mercenario ao servizo de si mesmo, que está danando irreparablemente as institucións e a democracia deste país”.
BNG E PSdeG, EN CONTRA DA MAIORÍA DOS GALEGOS
Na súa intervención, o viceportavoz popular asegurou que “a Xustiza española non castiga a ninguén polas súas ideas políticas” e a modo de exemplo sinalou que “o BNG leva 20 anos manifestando neste Parlamento as mesmas ideas independentistas e antisistema que o señor Junqueras”.
Miguel Tellado afirmou que, co seu voto en contra a esta proposición non de lei, tanto BNG como PSdeG “se posicionan claramente en contra da maioría dos galegos que rexeitan o pago político dos indultos e que defenden a democracia, a Constitución e o Estatuto de Autonomía; e poñen por diante a súa submisión a Pedro Sánchez e aos independentistas cataláns”.