O Parlamento galego aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España para que transfira a Galicia os recursos procedentes dos fondos europeos Next Generation co obxecto de financiar as necesidades do comercio galego e das súas asociacións e federacións. “Todas as axudas en apoio ao noso comercio repartidas neste ano 2024 teñen a súa orixe exclusiva en fondos propios da Xunta, aos que non se lle engadiron recursos procedentes de fondos europeos que deberían ser xestionados polas comunidades autónomas”, sinalou a portavoz popular de Comercio, Felisa Rodríguez.
Na súa intervención, cualificou esta iniciativa aprobada hoxe como “importante, necesaria e xusta”. Así, considerou que é “importante para o noso comercio, para mellorar a economía local e para axudar e dinamizar o territorio onde se asenta, porque as axudas convocadas para o comercio galego foron financiadas na súa totalidade con fondos propios da Xunta”.
“Tamén é unha iniciativa necesaria, porque consideramos unha inxustiza que a Galicia non lle foran transferidos neste ano 2024 os fondos europeos Next Generation para o beneficio do comercio galego, das súas asociacións e federacións”, indicou a portavoz popular, quen lamentou que “ese fondo que o Goberno central ten sen gastar”.
Por último, Felisa Rodríguez considerou que é unha proposta “xusta, fronte á desinformación que amosaron os grupos da oposición ao vetar que o pasado 19 de setembro se aprobara neste Parlamento unha iniciativa neste sentido, mentindo ao dicir que os fondos europeos xa foran transferidos ao Goberno galego”.