Santiago, 16 de maio de 2018. O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que implante, á maior brevidade posible, algunha medida de vantaxe fiscal para as persoas con enfermidade celíaca e erros innatos do metabolismo. En concreto, a iniciativa propón rebaixar o IVE actual a todos os alimentos e produtos dietéticos destinados a estas persoas, pero tamén valorar calquera das alternativas expostas no estudo elaborado pola institución do Defensor del Pueblo.
A deputada popular Encarna Amigo incidiu na “problemática que sofren as persoas que sofren a enfermidade celíaca cando as industrias alimentarias ofrecen produtos a un custo máis elevado que os equivalentes con glute”. “Por este motivo, a Xunta está estudando diferentes alternativas que permitan dar unha solución que compense estas desigualdades no custo de acceso a estes alimentos”, apuntou.
TRIBUTACIÓN
En concreto, os alimentos aptos para celíacos tributan con carácter xeral ao tipo impositivo reducido do 10 por cento aplicable a todos os alimentos, con excepción das bebidas alcohólicas e dos produtos aos que é de aplicación o tipo superreducido do 4 por cento. Ademais, o Ministerio de Facenda modificou no ano 2012 o criterio administrativo para establecer a mesma tributación a efectos do IVE ao pan común e aos panes especiais, con independencia do seu contido en glute, mantendo a tributación do tipo superreducido do 4 por cento ás fariñas panificables aptas para celíacos.
A deputada popular subliñou a importancia da adquisición de hábitos alimentarios adecuados por parte das persoas celíacas, “xa desde nenos, pois é importante que teñan conciencia de que non deben comer aquilo cuxa composición non coñezan e que pode ser nocivo para a súa saúde”.
Así mesmo, Encarna Amigo referiuse “á importancia que ten un diagnóstico correcto e precoz da enfermidade celíaca e unha atención integral aos afectados, xa que permite previr o aumento da gravidade da mesma e tomar as medidas adecuadas para mellorar a calidade de vida do paciente”.