Santiago, 22 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se reitera ao Goberno central a necesidade de elaborar un estudo, en colaboración co Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado da Competencia, sobre a situación do mercado financeiro en España que sirva de base para a posta en marcha dun plan estatal contra a exclusión financeira, con medidas que faciliten o acceso de toda a poboación aos servizos financeiros.
A deputada popular Sandra Vázquez concretou que “perseguimos dous obxectivos concretos: lexislar unha normativa que regule a prestación universal de servizos financeiros e establecer un servizo de calidade con medidas que faciliten o acceso da poboación aos servizos financeiros”. “Consideramos que debe existir unha coordinación e unha planificación a nivel estatal para que sexan eficaces e non caian en saco roto as medidas anunciadas polo Goberno central”, indicou.
Sandra Vázquez tomou datos do Banco de España para lembrar que no último ano o sector bancario pechou desde o ano 2008 case un 56 por cento das oficinas, pasando de máis de 46.000 a pouco máis de 20.000. No caso de Galicia, nos últimos seis anos pasouse de 1.719 a 1.096 oficinas abertas, o que representa un 36 por cento menos. “Estamos ante un problema de ámbito nacional e para o que é necesaria unha solución ao mesmo nivel”, sinalou.
Neste sentido, a deputada popular deu a “benvida” aos socialistas galegos “logo do xiro de 180 graos que deron na súa posición, xa que recollen na súa iniciativa a demanda ao Goberno de España de implantar as medidas necesarias para evitar a exclusión financeira, tal e como levamos moito tempo reclamando desde o Grupo Popular”.
TRABALLO DE TODAS AS ADMINISTRACIÓNS
“Todas as administracións públicas, en colaboración coas entidades financeiras, deben garantir que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia e da súa idade, teña acceso aos servizos bancarios e financeiros, prestando especial atención ao ámbito rural e á poboación envellecida”, concretou Sandra Vázquez.
Así, lembrou que “en Galicia xa existen fórmulas útiles neste ámbito, como a iniciativa promovida pola Xunta e a Fegamp desde o segundo semestre do 2019 ante a inacción do Goberno de España, que permitirá a moitas localidades que carecían de oficina bancaria dispoñer dun caixeiro automático, presenza física de persoal dunha entidade financeira e unha oferta de formación financeira e banca dixital”.