Santiago, 14 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do PSdeG, a través da que se esixe ao Goberno de España máxima urxencia na tramitación e sinatura do convenio coa Xunta de Galicia para a transferencia de fondos para o reparto das axudas a autónomos e pequena e mediana empresa, ademais de facilitar os requisitos de xustificación de gastos das mesmas. Así mesmo, demándase un reparto xusto destes fondos, que non volva a prexudicar a Galicia, seguindo os criterios de financiamento autonómico e a porcentaxe de autónomos na Comunidade galega; e ampliar os sectores beneficiados para que as axudas cheguen a máis profesionais.
O viceportavoz popular, Miguel Tellado, fixo unha “chamada á responsabilidade” ao BNG e ao PSdeG porque “teñen que decidir entre seguir aplaudindo ao Goberno central de Pedro Sánchez ou poñerse do lado dos galegos que os elixiron”.
Tellado indicou que, despois de un ano e un mes da entrada en vigor do Estado de Alarma, “chega a resposta do Goberno central ás necesidades de empresas e profesionais cun plan absolutamente insuficiente, infradotado e que non beneficia a algúns dos sectores máis afectados pola pandemia”.
“E por se isto non fora suficiente, o Goberno de Pedro Sánchez aproveita a ocasión, unha vez máis, para discriminar a Galicia cun reparto inxusto de estas axudas, cunha perda de 110 millóns de euros para todos os galegos”, lamentou.
GALICIA SEMPRE SAE PREXUDICADA
Neste sentido, o viceportavoz popular dixo que “isto non é novo, porque Galicia sempre sae prexudicada nos repartos territoriais que fai o Goberno socialista” e lembrou que a Comunidade galega perdeu no reparto dos orzamentos territorializados dos presupostos xerais do Estado, dos fondos Covid-19, dos fondos europeos React-EU, das primeiras vacinas e nas axudas para autónomos e pemes.
“Todos estes repartos fixéronse con criterios diferentes que, casualmente, sempre prexudicaron a Galicia, porque a Comunidade galega recibiría case 700 millóns de euros máis de aplicarse os criterios comúns do sistema de financiamento autonómico”, apuntou.
Miguel Tellado engadiu que estes criterios utilizados polo Goberno de España nunca son obxecto de negociación coas comunidades autónomas, nin son os consensuados no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, e sempre se definen discrecionalmente, son cambiantes e pouco equitativos”. “O único que conseguen deste xeito é incrementar a fenda entre as rexións máis e menos dinámicas, fomentando unha España a dúas velocidades”, lamentou.
“Pedro Sánchez é o Presidente do Goberno que peor tratou a Galicia durante a nosa historia autonómica e vive instalado nun ataque permanente á Comunidade galega, xustificado polos seus compañeiros socialistas galegos: atacou cos orzamentos, aprobando os peores presupostos para Galicia dos últimos 15 anos; atacou á industria, desmentelando todo o tecido industrial galego; atacou o sector naval, retrasando sine-die a construción das fragatas F-110; atacou a enerxía, coa súa transición ecolóxica; atacou as infraestruturas, esquecendo as grandes necesidades nos orzamentos; atacou ao sector do mar e a industria costeira; e atacou a nosa cultura e turismo, desprezando ao Xacobeo 2021-2022”, concretou.
Para rematar, Tellado contrapuxo esta acción do Goberno central con “todo o que leva feito a Xunta desde o inicio da pandemia”. En concreto, referiuse á posta en marcha do Plan de reactivación, que mobilizou máis de 3.000 millóns de euros; e de dous plans de rescate para autónomos e microempresas, por máis de 160 millóns de euros.
“Neste momento, a Xunta xa está a perfilar, no seo do diálogo social e a Mesa do Emprego Autónomo, o terceiro Plan de rescate, que se activará cos cartos que o Goberno central achegue ás comunidades autónomas”, avanzou.