Santiago, 2 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno do Estado impulsar a execución dunha axenda sectorial da industria da automoción, co obxectivo de promover un sector competitivo.
En concreto, a iniciativa pide que non se restrinxa ningunha tecnoloxía, especialmente as relacionadas co diésel, nin xere incerteza innecesaria na cidadanía; se incentive a substitución de vehículos de máis de dez anos; e non se incremente a fiscalidade sobre o diésel, en tanto se está nun momento de desaceleración na compra de vehículos.
O deputado popular Moisés Rodríguez Pérez manifestou que o sector da automoción en Galicia “ten unha perspectiva clara de futuro, tanto a curto como a longo prazo” e salientou que esta industria galega “é un referente gracias ao traballo compartido e a unión de esforzos entre empresas, traballadores, o centro tecnolóxico e a propia Xunta de Galicia”.
Porén, os anuncios feitos desde o Goberno central e os seus diferentes cambios de opinión están a xerar unha gran inestabilidade no sector, tal e como se reflicte na caída das ventas desde setembro de 2018”, lamentou.
Deste xeito, a proposición non de lei aprobada hoxe solicita ao Goberno central a execución, a través da colaboración público-privada, dunha axenda sectorial da industria da automoción, co obxectivo de promover un sector competitivo, sustentable e que desenvolva tecnoloxías de propulsión baixas en emisións e vehículos propulsados con enerxías alternativas. Así mesmo, demándase o avance cara ao vehículo autónomo e conectado que permita unha condución máis segura e eficiente.
Moisés Rodríguez indicou que “Galicia debe ter nesta axenda sectorial da industria da automoción unha participación, como mínimo, nunha porcentaxe similar á súa contribución á capacidade produtiva do Estado”.
TODAS AS TECNOLOXÍAS E INCENTIVAS A SUBSTITUCIÓN
Así mesmo, a proposición non de lei pide que non se restrinxa ningunha tecnoloxía, de modo directo ou indirecto, especialmente as relacionadas co diésel, nin se xere incerteza innecesaria na cidadanía, porque afecta negativamente o mercado, aos investimentos, ao emprego directo e indirecto do sector e xera inseguridade e perda de valor aos compradores recentes de vehículos diésel. Neste sentido, o deputado popular lembrou que “as evidencias científicas e técnicas demostran que os novos motores diésel producen menos emisións contaminantes e son máis eficientes en termos de emisións de CO2, que vehículos propulsados por outro tipo de combustibles”.
En terceiro lugar, a iniciativa aprobada solicita incentivar a substitución de vehículos de máis de dez anos, fomentando o seu cambio por vehículos novos de baixas emisións; así como non incrementar a fiscalidade sobre o diésel, “en tanto que estamos nun momento de desaceleración na compra de vehículos e polo especial impacto que tería o anuncio feito polo Goberno central na economía de familias e a competitividade das empresas galegas”, apuntou o deputado popular.