Santiago, 24 de setembro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe, co voto en contra de socialistas e a abstención do BNG, unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a reactivación dos traballos para lograr a aprobación inmediata do documento final da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico. “O Goberno de Pedro Sánchez esqueceuse desta estratexia, sendo unha mostra máis da súa total desatención cara as políticas demográficas, cando non se pode permitir perder máis tempo nesta materia”, lamentou a deputada popular Raquel Arias.
Na súa intervención, lembrou que o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou o 1 de xuño de 2018 que a Estratexia nacional fronte ao reto demográfico ía estar lista en outubro daquel ano, corrixíndose despois para aprazala ata a primavera de 2019”.
COMPROMISO NECESARIO
Pasou o tempo e o pasado mes de xullo celebrouse a reunión constitutiva da Conferencia Sectorial do Reto Demográfico entre os conselleiros de políticas sociais de toda España, “unha boa noticia que por si soa non abonda, xa que debe ir acompañada dun compromiso claro e rotundo do Goberno de España”, dixo.
Raquel Arias indicou que “as comunidades autónomas e os concellos foron ata agora levando a iniciativa, pero é o momento de que toda España avance unida e coordinada para facer fronte a un dos retos que perfilará o futuro do noso país”.
?️As políticas que teñen que ver coa demografía non se poden parar, Galicia é referente a nivel nacional, é o momento de avanzar e non estar sós, @Raquel_Arias_Ro defende a reactivación da Estratexia nacional do reto demográfico no @Par_Gal @ppdegalicia pic.twitter.com/UkpEA5HHLy
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 24, 2020
GALICIA, PIONEIRA
Así, salientou que “Galicia foi pioneira en políticas demográficas” e indicou que “este Parlamento vai a ser en poucas semanas protagonista ao aprobar a Lei de impulso demográfico, a primeira de todo o Estado”. “O obxectivo desta norma é que todas as familias que queiran ter fillos conten en Galicia con máis facilidades que en ningunha parte, e para desenvolver as medidas recollidas nesta lei o Goberno galego destinará un investimento anual superior aos 800 millóns de euros”, apuntou.
A Lei de impulso demográfico é o resultado dun longo proceso de debate que deu os seus primeiros pasos no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, continuou cun proceso de exposición pública no que se tiveron en conta o 80 por cento das alegacións presentadas e, posteriormente, a través do ditame do Consello Económico e Social, achegou as perspectivas das organizacións sindicais, empresariais, universidades e dos demais axentes representados nel.