Santiago, 9 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a transferencia a Galicia da xestión do Ingreso Mínimo Vital creado a través do Real Decreto-lei 20/2020. “Precisamos que se transfiran os fondos asociados a este ingreso mínimo vital para poder integralos nunha renda única que permita mellorar prestacións e evitar duplicidades”, sinalou portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos.
Así mesmo, e logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a proposición non de lei incluíu a solicitude á Xunta para que impulse, no prazo máis breve posible, as modificacións normativas necesarias para garantir a complementariedade da Risga co ingreso mínimo vital, de cara a facilitar a transición cara unha renda única.
Na súa intervención, Pazos sinalou que esta transferencia “resultaría dobremente importante: pola necesidade de axilizar as axudas e porque non podemos aceptar un trato discriminatorio cara Galicia”. “Non existe ningún impedimento para que este traspaso se concrete, agás a vontade do Goberno de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias de castigar, unha vez máis, a Galicia”, indicou.
“Galicia non merece o maltrato político a que está sendo sometida e, por iso, solicitamos que se nos recoñeza como a nacionalidade histórica que somos e que non se nos neguen os recursos que se conceden a outras comunidades autónomas”, sinalou. Neste sentido, engadiu que “Pedro Sánchez está disposto a pagar calquera prezo por manterse no Goberno e levar adiante calquera inxustiza para castigar a quen non se someta á súa ansia de poder”.
FRUSTRACIÓN SOCIAL
Alberto Pazos lamentou que, seguindo o antecedente da Lei de dependencia, “un Goberno de esquerdas creou unha enorme expectativa social co ingreso mínimo vital, que, unha vez máis, remata nunha gran frustración social”. Así, indicou que dos 850.000 fogares aos que tiña previsto chegar en toda España, a realidade é que chegou a menos de 160.000; e, no caso de Galicia, dos 40.000 fogares previstos, menos de 8.000 o están a recibir.
“A realidade acaba impoñéndose a calquera campaña publicitaria e, tras sucesivas improvisacións, o Goberno central anuncia a reforma do ingreso mínimo vital, ao mesmo tempo que os grupos da oposición non solicitan que compatibilicemos o IMV coa Risga”, lembrou o portavoz popular.