O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición no de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se insiste na demanda ao Goberno de España para que defenda ante a Comisión Europea a inclusión do hidroxenoduto A Coruña–Zamora na lista de proxectos de interese común. Así mesmo, no caso de que finalmente non se abra ou se peche a vía para a súa incorporación a dita lista europea, pídese que a Xunta manteña o seu compromiso de defender este proxecto estratéxico desde Galicia por todas as vías dispoñibles.
O portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo, sinalou que o hidroxenoduto Guitiriz-Zamora “representa una oportunidade estratéxica para Galicia, porque falamos da posibilidade de que a nosa comunidade autónoma se sitúe no mapa europeo de transición enerxética, da descarbonización e da nova economía industrial vencellada ao hidróxeno verde”.
PROXECTO TRANSVERSAL
“Reclamamos ao Goberno de España que defenda este proxecto en Europa e que leve a voz de Galicia a Bruxelas presentando este hidroxenoduto como estratéxico para o conxunto do país, porque este proxecto representa a posibilidade de que nos coloquemos no mapa europeo da transición enerxética, unha garantía de que o noso potencial renovable se converta en industria, emprego e futuro”, indicou Rubén Lorenzo.
Ademais, reclamou que este proxecto “debe ser transversal a toda a comunidade e non pode quedar reducido á provincia de Lugo: debe partir de A Coruña, atravesar toda Galicia, conectar os nosos polos industriais e chegar a Zamora como porta de saída cara a rede española e europea”. “Deste xeito, poderemos atender todos os proxectos estratéxicos de xeración de hidróxeno en Galicia que están repartidos polo territorio, porque o futuro val do hidróxeno galego necesita unha infraestrutura que recolla todo o potencial”, indicou.
Por outra banda, Rubén Lorenzo cualificou de “paradóxico que o BNG, sendo un partido que pon trabas constantemente ao desenvolvemento eólico e a proxectos de renovables en Galicia, sexa o que pida agora impulsar o sector do hidróxeno verde, porque esta enerxía xérase mediante electrólise da auga empregando electricidade renovable”. “Se non se fai así, xa non podemos falar de hidróxeno verde”, asegurou.
“Para que ese potencial se converta en realidade, precisamos unha infraestrutura que conecte a produción coa demanda e que nos conecte á rede española e á rede europea, polo que sen hidroxenoduto o hidróxeno galego quedará atrapado”, rematou o portavoz popular.