Santiago, 25 de maio de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España que atenda ao contido do Manifesto de Burela na defensa do sector pesqueiro do Cantábrico Noroeste e protexa o sector pesqueiro da ameaza que suporía a localización de instalacións eólicas mariñas en caladoiros e espazos dedicados a actividade pesqueira, e, en consecuencia, garantir a súa coexistencia coas actividades pesqueiras, sempre que sexa posible dita coexistencia, sen afectar o ecosistema mariño e as activades pesqueiras.
“Non temos outra prioridade que non sexa garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño”, dixo a viceportavoz popular Marta Nóvoa
Así mesmo, a proposición non de lei solicita avaliar a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografia (lEO) o impacto da instalación de polígonos de eólicos mariños sobre os recursos pesqueiros e as zonas de traballo das diferentes artes e segmentos da frota que operan no caladoiro do Cantábrico Noroeste e os seus efectos sobre a economía das comunidades pesqueiras do Cantábrico. De constatarse posíbeis danos, evitar o severo prexuízo ao sector pesqueiro e os danos nos ecosistemas mariños que suporía a implantación deste tipo de instalacións eólicas.
Marta Nóvoa subliñou que “a eólica mariña representa unha oportunidade e non nos plantexaríamos o noso apoio se afectara negativamente a outros sectores clave na economía galega, como é o sector pesqueiro”. “Para nós, resulta imprescindible impulsar a eólica mariña en Galicia da man do sector industrial, da man do sector marítimo-pesqueiro e da man das entidades e organizacións vinculadas á propia eólica mariña”, dixo.
“É necesario avanzar cara unha autonomía enerxética que termine coa dependencia do gas e do petróleo ruso”, sinalou a viceportavoz popular, quen lembrou que Europa xa é líder mundial en eólica mariña, na que se investiron en 2020 máis de 28.000 millóns de euros.
Na súa intervención, Nóvoa explicou que Galicia conta “co coñecemento e o potencial para impulsar esta tecnoloxía sempre compatible co medio mariño e que sería un revulsivo para a nosa economía e emprego”. Deste xeito, apuntou que Galicia “está preparada para iniciar o camiño da industria sustentable, da competitividade e do emprego, da man do consenso entre todos os axentes implicados e baixo o principio da compatibilidade entre o desenvolvemento eólico e a protección do medio ambiente e da actividade pesqueira”.
Marta Nóvoa referiuse á iniciativa do Grupo Popular aprobada hai un ano, co voto en contra do BNG, que pedía ao Goberno galego a constitución dun observatorio da eólica mariña que analizara os impactos que podería ocasionar a implantación de parques offshore na costa galega.
“Ese observatorio xa está traballando cunha representación moi ampla do sector pesqueiro galego, así como por representantes do sector industrial e de diferentes departamentos da Xunta”, destacou, para concretar que o seu traballo foi recoñecido recentemente polo Parlamento Europeo, que aprobou o pasado 3 de maio o informe Carvalhais sobre a economía azul no que se recolle unha mención a este organismo galego.
Para rematar, Marta Nóvoa explicou que “todos os parques eólicos offshore se tramitan e se autorizan por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, ao tempo que o Goberno de España aínda non aprobou os plans de ordenación do espazo marítimo, que ten en tramitación e que van delimitar aquelas zonas onde vai ser posible a instalación de proxectos deste tipo”.