Santiago, 27 de febreiro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se demanda ao Goberno do Estado que articule as medidas necesarias para evitar que se materialice a decisión que ten comunicado á empresa Naturgy sobre o peche da central de Meirama.
No caso de que esta situación non sexa posible, solicítase que o Goberno do Estado leve adiante xunto a Naturgy un plan de reindustrialización vinculado co mantemento e a creación de emprego, de xeito que ningún dos colectivos afectados se vexa prexudicado pola decisión de peche da central de Meirama.
A portavoz de Enerxía, Marta Nóvoa, afirmou que “o peche da central térmica de Meirama no concello de Cerceda suporá unha perda de negocio de 20 millóns de euros ao ano, afectando a máis de 100 traballadores da central e moitos máis empregos das empresas auxiliares que dependen da actividade desta factoría”. “O peche suporá que un municipio de escasos 5.000 habitantes deixe de recadar 1,3 millóns de euros en concepto de IBI e IAE, que supón máis dun 10 por cento do presuposto deste concello”, apuntou.
PARADOXA DO PLAN NACIONAL DE ENERXÍA E CLIMA
Na súa intervención, Nóvoa criticou o Plan Nacional de enerxía e clima, presentado recentemente polo Goberno central “non no Congreso para poder negocialo cos demais grupos parlamentarios, senón directamente ás empresas eléctricas”. “Este plan plantexa o peche das térmicas e as centrais nucleares antes de 2030, cuns obxectivos de redución de gases contaminantes moi superiores aos promulgados pola Unión Europea e tamén polos países da nosa contorna, como Francia ou Alemaña”, indicou.
“A paradoxa é que imos ser dos primeiros en pechar as nosas centrais térmicas e nucleares, pero resulta que lle compramos enerxía a Francia, eminentemente nuclear; e a Marrocos, que acaba de poñer en marcha unha central térmica mentres en España pechamos as nosas”, sinalou.
Marta Nóvoa avanzou que estas medidas adoptadas polo Goberno do Estado “provocarán indubidablemente a suba durante un tempo do prezo da luz, porque un modelo enerxético non se cambia en dez anos sen ningunha consecuencia”. “Desde o PPdeG estamos de acordo cunha transición enerxética ordenada, sostible e, sobre todo, xusta e que non prexudique a ninguén”.