Santiago, 4 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio do Interior que articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita para incrementar a 500 os seus efectivos, de xeito que esta Unidade poida cumprir coas funcións que actualmente está prestando.
Así mesmo, pídese que nas próximas convocatorias de novas prazas e de concurso de méritos se contemple a adscrición dun número de prazas suficiente de axentes da Policía Nacional, non inferior a 256, para atender as graves carencias de persoal que sofre Galicia.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou que a Unidade do Corpo Nacional de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia foi crecendo na prestación dos seus servizos desde a súa creación en 1991 para dar resposta á asunción paulatina de novas funcións e competencias pola Administración galega. “Isto supuxo en orixe unha descarga do traballo para os corpos de seguridade estatais, como nos casos de violencia de xénero, traslado de menores, xogo, espectáculos, incendios forestais, patrimonio histórico, ordenación do territorio, protección de personalidades, seguridade de edificios públicos autonómicos e outros cometidos”, concretou.
Paula Prado sinalou que a dotación inicial de efectivos desta unidade adscrita é de 500 efectivos, pero lamentou que a finais do pasado ano contaba con só 399 efectivos e a día de hoxe esta cifra baixou a 389, “unha situación que se agravará coas xubilacións previstas, que farán descender este número aos 385 a finais de 2020”. Neste sentido, salientou que esta unidade policial acadou o seu máximo número de efectivos en 2013 co Goberno de Mariano Rajoy: 474.
De acordo con estes datos, Paula Prado considerou “unha proposta de incremento razoable chegar a alcanzar o 95 por cento dos efectivos da Unidade, é dicir 475; conseguindo un nivel de cobertura similar ao do ano 2013”. “Para iso, e considerando que a cifra prevista de ocupación a finais deste ano será de 385 efectivos, requiriríase un incremento duns 90 efectivos”, concretou.