Santiago, 17 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno de España para que se aumenten as posibilidades de pesca de sardiña, dentro do Plan de xestión e recuperación do stock desta especie, atendendo ao seu bo comportamento e á existencia de alternativas sostibles para elevar as cantidades de peixe a pescar.
?️ @temtem23 defende aumentar as posibilidades de pesca de sardiña dentro do Plan de xestión e recuperación do stock da sardiña ibérica 2018-2023 tendo en conta os beneficios e a recuperación que xa se ten demostrado cos plans que se aplicaron xunto con Portugal pic.twitter.com/VNqKrw1PMU
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 17, 2021
A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, afirmou que, “despois de varios anos dunha situación precaria na poboación da sardiña e da consecuente aplicación de importantes limitacións ás súas capturas, as últimas campañas científicas de avaliación veñen observando claros signos de recuperación”.
“Para garantir a recuperación da sardiña púxose en marcha un plan conxunto entre España e Portugal que o sector cumpre estritamente, polo que Europa debería ter en conta os datos da biomasa da especie e, xunto con España e Portugal, flexibilizar o nivel de capturas elevándoo incluso máis alá do feito recentemente”, apuntou.
Teresa Egerique lembrou que “Galicia leva tempo advertindo de que debe revisarse con máis frecuencia a rigorosidade na determinación do nivel de capturas da sardiña, posto que todo apunta á súa recuperación”. Neste sentido, o Goberno galego ten trasladado esta demanda ao Goberno central en varias ocasións, tendo en conta que a sardiña é unha especie que non está suxeita ao total admisible de capturas (TAC) e a evolución do recurso é boa, segundo traslada o sector e recoñece o propio Consello Internacional para a Explotación do Mar (ICES).
Porén, Egerique considerou “lamentable que, polo momento, o Goberno central non trasladara ningunha información en relación á nova proposta, porque entendemos que a comunidade autónoma debe ser parte activa na súa elaboración, toda vez que unha parte da frota galega, como é a do xeito e a do cerco, participa nesta pequeira e Galicia posúe importantes datos sobre xestión e práctica pesqueira”.
Para rematar, a portavoz popular incidiu que “defendemos o equilibrio entre a sustentabilidade ambiental, social e económica, así como a análise doutras causas que poden influír na evolución da sardiña e integrar nela os condicionantes sociais e económicos para favorecer a recuperación da especie e outorgar unha mellora nas posibilidades de pesca”.