Santiago, 13 de xullo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a promover os cambios normativos necesarios para adecuar ás necesidades da frota a limitación de potencia dos motores das embarcacións de recursos específicos.
“Trátase dunha demanda formulada polo propio sector, xa que a potencia do motor que se estipula por lei non é suficiente para a realización das súas actividades porque lle impide poder extremar e garantir as medidas de seguridade vinculadas ao traballo que desenvolve preto da costa”, sinalou a portavoz do Mar, Teresa Egerique.
Na súa intervención, Egerique lembrou que o sector “vén reclamando desde hai anos unha revisión da potencia dos motores das embarcacións pesqueiras, principalmente as dedicadas á captura de percebe pero tamén a outros recursos específicos como algas, ourizos ou navallas, co obxectivo de adaptalos á realidade da flota e da actividade que realizan”.
TRASLADO AO GOBERNO CENTRAL
“O sector demanda a adopción de medidas que tendan a facilitar un cambio normativo, ante o que a Consellería do Mar xa trasladou ao Goberno central estas demandas”, indicou a portavoz popular.
Co obxecto de evitar esta limitación dos motores, o Goberno galego considerou recomendable habilitar unha lista específica para este tipo de embarcacións ou integralas nunha cuarta lista (a das embarcacións auxiliares de pesca e acuicultura), xa que se entende que a potencia non está relacionada co esforzo pesqueiro, debido a que este esforzo o exerce unha persoa e non un barco.