Santiago, 21 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que impulse, en colaboración con todas as administracións e coas AECT, un plan especial para demandar compensacións con cargo a fondos propios, estatais ou europeos para os sectores afectados pola Covid-19 e polo efecto do peche da fronteira entre Galicia e Portugal.
Así mesmo, demándase a dotación de fondos extraordinarios por parte dos estados e da Unión Europea e promover a posta en marcha dun investimento territorial integrado de carácter transfronteirizo para a reactivación económica e o desenvolvemento dos concellos afectados polo peche da fronteira.
A iniciativa aprobada tamén incorpora a solicitude para que a Xunta promova a realización dun estudo, en colaboración co sistema universitario galego, para coñecer o dobre impacto da Covid-19 e o peche da fronteira entre Galicia e Portugal nas actividades económicas dos concellos transfronteirizos.
O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos afirmou que desde o PPdeG “imos continuar defendendo o acordo alcanzado neste Parlamento, tanto o de hoxe como o do pasado 17 de marzo, e reclamaremos os recursos necesarios para reverter o dano que causou, a ambos lados da raia, o peche desproporcionado da fronteira”.
“Todos compartimos a necesidade de asegurar a seguridade sanitaria, pero o peche indiscriminado de pasos fronteirizos, sen contemplar solucións para traballadores e empresas, resultou excesivamente gravoso”, lembrou o deputado popular.
Deste xeito, engadiu que desde o PPdeG “continuamos fieis á reclamación dunha maior flexibilidade fronteiriza e de fondos e proxectos dinamizadores nos territorios transfronteirizos”.