Santiago, 20 de maio de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a apertura dunha mesa de diálogo coa Xunta para rematar, aclarando o alcance da normativa sobre os espazos costeiros, coa situación de inseguridade xurídica á que o departamento de Costas do Estado somete á cadea mar-industria de Galicia.
O deputado popular José Manuel Balseiro criticou que “a vicepresidencia de Transición Ecolóxica do Goberno de Pedro Sánchez está absolutamente obsesionada con expulsar a empresas e edificacións da liña de costa, e facelo, ademais, pola porta de atrás, limitando as concesións ou denegando prórrogas para expulsar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre actividades plenamente compatibles e vinculadas a usos mariñeiros e acuícolas”.
ACTUACIÓN INACEPTABLE E DESLEAL
“Estamos ante unha actuación totalmente inaceptable e desleal coa que Costas do Estado avanza na súa intención de retirar do litoral boa parte das edificacións asentadas nel, xa non só no dominio público marítimo-terrestre, senón tamén no portuario de competencia autonómica”, apuntou.
Diante desta situación, Balseiro pediu “diálogo, transparencia e seguridade xurídica, porque este asunto é vital para Galicia, pois está en perigo o futuro de instalacións do sector marítimo-pesqueiro, fundamentais para a economía galega, e tamén outras edificacións sociais vitais para o conxunto da cidadanía”.
O deputado popular lembrou que “a postura da Xunta e do PPdeG foi sempre clara desde o primeiro momento, defendendo que o regulamento de costas tivera en conta a sustantabilidade e compatibilidade das industrias do mar emprazadas no litoral; que se manteña un principio de seguridade xurídica, para que os afectados non dependan de cambios arbitrarios na lexislación que poidan poñer en risco a súa actividade; e un escenario claro e preciso para que as empresas poidan seguir coa súa actividade con normalidade”.