Santiago, 1 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do Grupo Socialista, a través da que se solicita ao Goberno de España que impulse ante a Comisión Europea a modificación do Real-Decreto de delimitación da zona de promoción económica para Galicia, de xeito que se inclúa o naval entre os sectores promocionables conforme á normativa de axudas rexionais.
A deputada popular Teresa Egerique afirmou que esta solicitude “está máis que xustificada dado o importante peso que representa o naval en Galicia, tanto polo seu nivel de actividade como pola súa capacidade de xeración de emprego”. “De feito, a ausencia de incentivos económicos ao investimento supón limitar de forma notable a posibilidade de apoiar ao sector naval de forma efectiva”, apuntou.
PRAZO ABERTO
Na actualidade, a construción, reparación e transformación naval non está incluída entre os cualificados como sectores económicos promocionables en virtude do disposto na normativa sobre axudas rexionais recollida no Real Decreto 161/2008, do 8 de febreiro, que delimita a zona de promoción económica en Galicia.
O pasado 29 de abril a Comisión Europea adoptou o texto das novas directrices sobre axudas rexionais, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022, abríndose o prazo para que os Estados membros notifiquen á Comisión Europea os seus futuros mapas de axudas rexionais, que deberán ser obxecto de decisións individuais.
“Atopámonos así no momento oportuno para incluír ao naval entre os sectores económicos promocionables conforme á normativa de axudas rexionais ao investimento, dado que o Goberno de España ten que notificar á Comisión Europea o novo mapa de axudas rexionais de España antes do 31 de decembro”, concretou.
Posteriormente, e logo de que a Comisión Europea dea o visto e prace a este novo mapa de axudas, o Goberno español deberá aprobar un novo Real-Decreto de delimitación para Galicia, incluíndo entre os seus beneficiarios ao sector naval. Esta nova normativa tería que entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2022.