Santiago, 25 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a continuar fomentando e desenvolvendo plans para a incorporación dos mozos e mozas as actividades agrogandeiras, “un dos grandes retos para o sector primario nas próximas décadas”, manifestou o deputado popular Daniel Vega.
Na súa intervención, Vega considerou “imprescindible a modernización das explotacións agrogandeiras para manter e incluso incrementar a capacidade competidora nos mercados, conservar o medio ambiente e mellorar as condicións de vida e o traballo dos titulares de explotacións”.
Así mesmo, cualificou de “fundamentais os plans de incorporación para facer fronte ao despoboamento e o abandono do medio rural, xa que representan un elemento indispensable para a remuda poboacional e constitúen unha importante saída laboral para os mozos e mozas galegos”.
“Os plans de incorporación significan un reforzo económico e tamén unha ferramenta fundamental na formación do gandeiro, en ámbitos como a alimentación dos animais, o cultivo, o abonado, a mellora xenética ou a xestión da explotación”, sinalou.