Santiago, 21 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a recoñecer o carácter oficial da ruta xacobea coñecida como Camiño do Mar, que discorre polas vilas lucenses de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, e prosigue pola provincia da Coruña, vía Mañón, Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Narón ata Neda, e o inclúa en todas as accións de promoción e divulgación turística ligadas ao Xacobeo 2021-2022.
O deputado popular José Manuel Balseiro explicou que este recoñecemento “non se pode facer directamente a golpe de proposición non de lei, senón que previamente son necesarios estudos, informes e documentos que demostren que efectivamente hai razóns para oficializar esta nova ruta xacobea”.
Balseiro manifestou que “tanto o PPdeG como o Goberno galego somos conscientes da importante riqueza desta ruta xacobea, polo que o 8 de abril de 2010 xa aprobamos neste Parlamento unha proposición non de lei a través da que pedíamos á Xunta o desenvolvemento dos trámites e xestións oportunas para oficializar o Camiño do Mar como ruta xacobea”.
PROCESO COMPLEXO
“A complexidade do proceso e a variación da normativa sobre o que se sustenta este recoñecemento privou de que ao longo deste tempo se conseguira a declaración, polo que pedimos desculpas por non ter acabado o proceso, pero ninguén estivo de brazos cruzados para avanzar no procedemento”, recoñeceu o deputado popular.
Neste sentido, apuntou que “o recoñecemento dos Camiños de Santiago ten que estar fundamentado nunha metodoloxía que incorpore traballo de campo; investigación antropolóxica; fontes documentais, tanto escritas como planimétricas; e demostrar a influencia da ruta sobre a estrutura do territorio”.
“O Camiño do Mar, como ruta xacobea, poderá ser unha realidade se somos capaces de facer ben ese traballo”, afirmou José Manuel Balseiro, quen avanzou que “unha vez oficializado, como marca a Lei desde a Axencia de Turismo de Galicia, recibirá a correspondente promoción e difusión como as restantes rutas xacobeas existentes en Galicia”.