Santiago, 22 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que os fondos estatais que non puideron ser executados ao abeiro do 3º e 4º plans de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da Covid-19 poidan ser destinados a un novo Plan de apoio para o ano 2022, axustándose o máximo posible á realidade do tecido empresarial galego e incorporando os criterios establecidos polas comunidades autónomas de común acordo co Diálogo Social de Galicia e a Mesa do Emprego Autónomo.
O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro demandou que “estas axudas sexan deseñadas pola Xunta, sen os atrancos que puxo o Goberno central na súa primeira convocatoria e que motivaron que quedaran sen executar 70 millóns de euros”.
DE 80.000 A SÓ 15.000 SOLICITUDES
Neste sentido, lembrou que os dous primeiros plans de rescate que deseñou a Xunta, con fondos autonómicos, “foron un éxito ao atender 80.000 solicitudes e inxectar 182 millóns de euros en apoio do tecido empresarial de Galicia”.
“Porén, o Goberno central impuxo as condicións de reparto e acceso aos terceiro e cuarto plans de rescate só se atenderon 15.000 solicitudes por un valor de 166 millóns de euros, a pesar de que o Estado destinara 234 millóns de euros”, indicou. “Isto é, o 30 por cento dos fondos dispoñibles non puidemos comprometelos, a pesar de que Galicia atópase entre as primeiras comunidades autónomas en canto ao nivel de execución destes fondos”, apuntou.
CRITERIOS XUSTOS E ACCESIBLES
José Manuel Balseiro subliñou que “mentres que en Galicia sempre se trataron de consensuar os criterios de acceso ás axudas, buscando aqueles que foran os máis vantaxosos e adaptados ás circunstancias do tecido empresarial e económico galego, o Goberno central impuxo auténticos impedimentos para acceder ás axudas dos terceiro e cuarto plans de rescate”.
Para rematar, o portavoz popular asegurou que, “se a Xunta fose a administración encargada de elaborar estes dous últimos plans, o noso tecido empresarial xa tería nas súas contas os 70 millóns que, a día de hoxe, están en risco de volver ás arcas do Estado por culpa non do Goberno galego, nin dos autónomos, nin das empresas, senón porque o Goberno central non foi quen de facer que estas axudas fosen xustas e accesibles”.