Santiago, 4 de decembro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, transacionada entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se insta á Xunta a emprender de xeito inmediato a comunicación e as xestións precisas co Goberno de España para o traspaso de competencias da xestión económica-administrativa dos centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO), previo saneamento e reartellamento da entidade, para que pasen a formar parte da estrutura da Administración galega.
Así mesmo, a proposición non de lei demanda ao Ministerio de Asuntos Económicos a que, mentres non se dea traslado ás competencias plenas sobre o IEO, se inicie un proceso de colaboración entre a Xunta e os centros da entidade para que sexan xestionados segundo as necesidades do sector marítimo-pesqueiro galego e da Administración galega, sempre en colaboración coas restantes comunidades autónomas e entidades e organismos investigadores internacionais.
RESTITUÍR A OPERATIBILIDADE
A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, considerou “positivo e necesario que o Goberno central, de forma previa a calquera traspaso, restitúa completamente a operatividade do IEO, do contrario tería que ser Galicia quen se fixese cargo de sanear a entidade cando se transfira”. “Ademais, entendemos que calquera asunción de competencias debe estar correspondida coa necesaria asignación orzamentaria que faga viable a prestación do correspondente servizo”, apuntou.
Teresa Egerique lembrou que “a conselleira do Mar, xunto con outros membros do Consello Reitor do IEO, remitiron unha carta ao ministro Duque na que se pedía ao Goberno central que non desmantele este instituto, rexeitando a decisión de integralo no Consello Superior de Investigacións Científicas, algo que sería unha mala nova para Galicia”.
REVERTER A SITUACIÓN
“Trátase dunha petición que fixemos desde o primeiro momento e que volvemos reiterar da man do sector pesqueiro, posto que compartimos a súa preocupación por unha decisión que non foi comunicada nin consultada aos membros do Consello Reitor do IEO e suprime a autonomía do centro, vital para a pesca e para o conxunto de Galicia”, engadiu.
A portavoz popular lembrou que “sempre esiximos o compromiso e a implicación do Goberno central para reverter a situación do IEO, un centro que é estratéxico para o desenvolvemento da investigación mariña de España e que ten máis de cen anos de historia; e para tomar as medidas necesarias para apuntalar a investigación mariña, especialmente daquelas accións que teñen que ver co seguimento do estado das especies pesqueiras”.