21 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a promover unha mellora da xestión activa de frondosas en Galicia mediante a tramitación dunha estratexia no primeiro semestre deste ano, coa finalidade de fomentar a conservación da biodiversidade e da multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais.
O deputado popular José Antonio Armada salientou “o pleno e tanxible compromiso do Goberno galego polo fomento das frondosas autóctonas, polo que a actualización dos datos existentes en Galicia que se materializarán nesta estratexia é imprescindible para levar a cabo as actuacións determinadas no plan forestal”.
Segundo o determinado no Plan Forestal, o modelo de monte para Galicia se conformaría polo conxunto de indicadores concretos de superficie que describían que monte persegue o sector forestal para os seguintes 40 anos. A superficie total ocupada por frondosas autóctonas, segundo se desprende do sistema de inventario forestal galego anualmente, incrementarase ata as 415.000 hectáreas nos primeiros dous quinquenios e ata as 425.000 hectáreas no último quinquenio.
Armada avogou por “aplicar modelos silvícolas específicos para este tipo de masas frondosas, incluíndo os bosques de ribeira, promovendo a posibilidade de plantacións de enriquecemento, que permitan plantar pés de especies valiosas usando materiais mellorados, de categoría cualificada ou controlada”.
“É necesario poñer a disposición do mercado galego materia prima de alta calidade, prestando especial atención ao incremento do uso de madeira estrutural na construción, potenciando tanto beneficios aos propietarios como unha mellora da economía verde”, indicou o deputado popular.