Santiago, 21 de outubro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a aproveitar o proxecto de novo edificio ambulatorio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para renovar e ampliar os espazos asociativos deste centro sanitario, incluíndo no proxecto deste novo edificio espazos de uso común para as actividades das asociacións de pacientes.
A deputada popular Noelia Pérez lembrou que o Goberno galego aprobou o pasado mes de xuño a contratación das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, cun investimento superior aos 52 millóns de euros. Esta ampliación conlevará a construción de novos edificios e conta cun plan director que artella todas as actuacións que se van realizar.
INFORMAR, PROTEXER E ACOMPAÑAR
“Cremos que é o momento para seguir aportando e seguir traballando para que ese futuro da sanidade pública de Ourense se constrúa da man dos pacientes e das entidades que agrupan a persoas que teñen en común o feito de padecer unha enfermidade en concreto”, sinalou Noelia Pérez.
Deste xeito, considerou “oportuno que, no paso do plan funcional ao proxecto definitivo, estes novos edificios do Hospital de Ourense incorporen espazos xa pensados previamente para o uso das asociacións que participan activamente na asistencia aos doentes desta área sanitaria e que deben dispoñer de espazos nos que estar a carón dos doentes, que favorezan o desenvolvemento das súas actividades de educación sanitaria ou para as súas actividades de formación ou realización de obradoiros nestes complexo sanitario”.
“Espazos, en definitiva, para informar, protexer e acompañar aos pacientes e ás súas familias, e que sirvan para promover esa comunicación directa entre os doentes e as asociacións de pacientes para que poidan prestar ese apoio adicional ao labor dos propios sanitarios, tanto necesaria cando falamos de saúde e que, sen dúbida, mellora a calidade da asistencia sanitaria”, apuntou.