O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que, ante o importante retraso que sofre a tramitación da Lei de Familias polas sucesivas prórrogas para a presentación de emendas, teña en conta as aportacións feitas pola Xunta de Galicia en relación ao concepto de familia numerosas e non bote por terra todo do traballo e o consenso social acadado neste eido ao longo dos anos.
A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, lembrou que esta lei, que iniciou a súa tramitación no Congreso en 2021, “márcase como obxectivo recoñecer as diferentes situacións familiares que existen en España, mellorar a protección social das familias e garantir o dereito a conciliar a vida familiar coa laboral”.
Porén, criticou que este proxecto de lei “está bloqueado nestes momentos e a Mesa do Congreso leva aprobadas 27 prórrogas do prazo de emendas, ao que se engade que o diálogo coas comunidades autónomas non existe, a pesar de que a lei invade competencias das autonomías e ten consecuencia en normas que xa se están aplicando”.
AFECTACIÓN Á NORMATIVA GALEGA
No caso da Comunidade galega, Raquel Arias concretou que a nova lei estatal “pode afectar á normativa existente respecto das familias monoparentais, dándose o caso de que lle quiten o título a centos de familias no caso de que, tal e como se recolle no texto da nova normativa estatal, os requisitos que estableza o Estado sexan máis estritos dos que agora se recollen en Galicia”.
“Tamén chama a atención que entre os 16 tipos de familia dos que fala a lei estatal ningún aluda ás familias numerosas, un concepto que desaparece para integrarse nun grupo máis amplo de familias con maiores necesidades de apoio á crianza”, sinalou a portavoz popular. Diante desta situación, Arias subliñou que “o Goberno galego considera un erro non escoitar ás familias numerosas e, por iso, segue a impulsar medidas que lle permitan facer fronte ás súas necesidades diarias, como anova dedución fiscal no IRPF ou a posta en marcha do novo título dixital”.
En definitiva, Raquel Arias criticou que “estamos ante unha nova lei estatal ideolóxica, que prexudica ás familias galegas máis vulnerables, como as numerosas ou as monoparentais; decepcionante, porque non inclúe as medidas que o propio Goberno de Pedro Sánchez prometera, como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade ou a renda universal para a crianza de fillos ata tres anos; e okupa, porque invade competencias das comunidades autónomas ás que lles impón cargas pero sen cartos”.