Santiago, 8 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda o reforzo por parte da Unión Europea dunha gobernanza global das poboacións pesqueiras ante organismos internacionais como a ONU, a FAO ou a OMC.
O deputado popular Alberto Pazos puxo de manifesto “os sacrificios que a frota galega tivo que facer dende a entrada de España na Unión Europea na busca dunha pesca sustentable que repercuta no beneficio de todos, tanto do sector como do propio recurso”.
INDIGNACIÓN
Porén, manifestou que “cada vez son máis as voces de indignación, porque mentres as nosas flotas realizan este esforzo, ao mesmo tempo existen outras frotas, de terceiros países, que realizan sobrepesca e pesca ilegal en zonas próximas aos caladoiros de interese galego, como é o caso do Atlántico Suroccidental ou a costa africana”.
Deste xeito, Pazos demandou da Unión Europea que “adopte unha política internacional de altura, no senso de promover unha xestión global da pesca, na cal todos teñamos as mesmas regras de xogo”.
Así mesmo, esta xestión global melloraría a xestión comercial da Unión Europea respecto da política pesqueira, rachando coas facilidades existentes na actualidade para a entrada ao mercado europeo de produtos de terceiros países que non son capaces de cumprir cos mesmos requisitos que se lle esixen á frota galega.