Santiago, 15 de setembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe, a instancia do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que continúe apoiando a expansión dos produtos pesqueiros galegos nos mercados exteriores, mantendo e fortalecendo as medidas de estruturación e competitividade do sector transformador de produtos do mar.
O portavoz do Mar do Grupo Popular, Carlos López Crespo, subliñou que “a industria de elaborados de produtos do mar constitúe un dos piares do comercio exterior para Galicia”, lembrando que as exportacións dos produtos pesqueiros galegos crecesen sete veces máis que o produto interior bruto.
300 EMPRESAS CON EXPORTACIÓN A 83 PAÍSES
Neste sentido, manifestou que “case 300 empresas da cadea mar-industria foron quen de exportar o seus produtos pesqueiros a 83 países distintos, sendo o mercado comunitario o principal destinatario”. En concreto, indicou que os principais mercados europeos para os produtos galegos son Italia, Portugal, Francia, Reino Unido e Grecia.
“A importancia deste sector na economía galega refléxase nos máis de 130 millóns de euros de valor comercial dos produtos exportados, o que representa un peso do 8,5 por cento do volume total de Galicia”, salientou. Ademais, as vendas interanuais teñen incrementado un 23 por cento, practicamente sete veces por encima do alza da economía galega o pasado ano.
Carlos López explicou que, “segundo fontes do sector, esta situación é consecuencia do incremento da demanda de países tradicionalmente consumidores, xunto coa entrada en novos mercados clave para que esta industria aspire neste ano a superar a barreira dos 2.000 millóns de euros de valor comercial dos produtos exportados, moi por enriba dos 1.870 millóns de euros acadados o pasado 2016”.