Santiago, 5 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e os socialistas, a través da que se demanda á Xunta que continúe coa execución do plan de monitorización do xabaril para controlar e estabilizar a súa poboación, ao tempo que mantén as axudas por danos e medidas preventivas.
A portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia, incidiu na necesidade de “compatibilizar a existencia de poboacións de xabaril coa viabilidade de explotacións gandeiras”. Para iso, lembrou que a Xunta xa conta cun plan de monitorización do xabaril en Galicia, do que forman parte un equipo multidisciplinar no que participan distintas administracións públicas para mellorar a xestión e aproveitamento desta especie e poñer a disposición dos afectados axudas tanto para a prevención como indemnizacións polos danos ocasionados.
Elena Candia manifestou que “coincidimos cos grupos da oposición na preocupación polos danos que está a ocasionar o xabaril nas explotacións agrogandeiras, que poden afectar á súa viabilidade económica, pero tamén nas pequenas propiedades e nos accidentes de tráfico que provocan”.
PREVENCIÓN E DANOS
“A prevención é clave para evitar os danos da fauna silvestre”, sinalou a portavoz popular, quen salientou “o importante esforzo orzamentario de 1,2 millóns de euros feito pola Xunta, que chegou a máis de 1.500 beneficiarios”.
Así mesmo, Elena Candia indicou que “non chega con centrarse na prevención, polo que este ano a Xunta duplicou as axudas para indemnizacións por danos”.
INCONGRUENCIA SOCIALISTA
Porén, Candia criticou a “incongruencia amosada polos socialistas, capaces de defender no Parlamento galego unha iniciativa para o control da fauna silvestre xusto un día despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica anunciara o incremento da protección do lobo ibérico”.
“Esta decisión levou a que distintas comunidades autónomas, entre elas Galicia, remitiran de maneira urxente unha carta á ministra amosando a súa preocupación polas graves consecuencias que o lobo ocasiona ás explotacións gandeiras da Comunidade galega”, apuntou.