Santiago, 7 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a investigar e documentar, do mesmo xeito que se fixo co Pazo de Meirás, o espolio das estatuas de Abraham e Isaac e estudar as vías para a súa recuperación por parte do Concello de Santiago.
Así mesmo, solicítase a creación dun grupo de traballo con Concello compostelán, aberto á participación da Deputación de A Coruña e o Goberno de España, así como dos ámbitos xurídico e histórico e asociacións de defensa do patrimonio, que valore as liñas de acción de cara á recuperación destas esculturas.
No debate da proposición non de lei sobre as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo, o deputado popular Borja Verea subliñou que o PPdeG “vai traballar con todas as institucións, todas as administracións e con todos os instrumentos legais” para que estas figuras volvan formar parte do patrimonio público.
OBRIGAS DOS TENEDORES
Neste sentido, lembrou que o Goberno galego incoou e declarou estas dúas estatuas como ben de interese cultural o 4 de setembro de 2019, “e estamos convencidos de que esta declaración axudará no procedemento de recuperación ao patrimonio público, máis alá de esixir xa aos actuais tenedores as mesmas obrigas importantes como o deber de conservación, acceso e comunicación; o dereito de tanteo e retracto; así como o deber de habilitar un tempo de visita pública”.
Borja Verea salientou “a importancia de traballar de xeito conxunto entre as distintas administracións” e neste sentido destacou a recente creación dun grupo de traballo entre a Xunta e o Concello de Santiago para analizar as últimas evidencias en torno ás estatuas de Abraham e Isaac.
O PSOE VETA O ACORDO SOBRE O PAZO DE MEIRÁS
Así mesmo, o deputado Alberto Pazos criticou que os socialistas privaran ao Grupo Popular de votar a favor da súa proposición non de lei que agradecía ‘a dedicación e o esforzo de todas as persoas, así como das entidades públicas e privadas que coa súa aportación e impulso fixeron posible unha sentencia histórica que, aínda pendente de recurso, fai posible a recuperación do Pazo de Meirás’, “a pesar de que non compartíamos que se lle fixera a pelota directamente ao Presidente do Goberno central ao ensalzar directamente o labor feito desde a Dirección Xeral de Memoria Histórica”.
Pazos destacou que “a colaboración leal de todos no marco do actual Estado de Dereito foi o feito diferencial que permitiu a recuperación das Torres de Meirás para goce de todos os galegos”, polo que “espero que teñamos aprendido a lección e que todos fuxamos no futuro de divisións innecesarias e de atallos xurídicos que só conducen a aumentar a frustración da sociedade”.