Santiago, 8 de abril de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que garanta a complementariedade do ingreso mínimo vital (IMV) coa prestación por fillo a cargo, tendo en conta que o IMV busca garantir as necesidades básicas de fogares en risco de exclusión social e a prestación por fillo a cargo é unha medida relacionada con prestar un apoio ás familias na atención aos custes da crianza dos seus fillos.
Así mesmo, pídese que se reforce a prestación por fillo a cargo dirixida a fogares con menores de idade ou maiores afectados por unha discapacidade igual ou superior ao 65 por cento.
Ademais, e logo dunha transacción co BNG, incorporouse á proposición non de lei a solicitude para que o Goberno central axilice a tramitación das solicitudes presentadas ao IMV, garantindo o acceso a este recurso, en tempo e forma, á poboación que o precise; así como se reitera a solicitude de transferencia a Galicia da xestión do ingreso mínimo vital, de acordo co previsto no Real Decreto-Lei 20/2020.
O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou que “unha das consecuencias da deficiente planificación do Goberno de España é a integración da prestación por fillo a cargo para familias en situación de pobreza dentro do IMV”. “Esta decisión está a supoñer que, na práctica, centos de miles de familias que cumprían os requisitos para acceder á prestación por fillo o cargo, pero non para o IMV, se poidan ver privadas dunha axuda que si recibían, sen posibilidade real de recibir ningunha outra axuda que compense esa perda”, explicou.
?️Contraste entre medidas de planificación publicitaria do IMV e a realidade: Previsión familias galegas beneficiadas: 40.000;Axudas concedidas: 11.000 (27%);Beneficiarios reais: 8.400.
O @Par_Gal aproba garantir complementariedade IMV con prestación fillo a cargo @pazos_alberto pic.twitter.com/2383lYhfBL— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 8, 2021
Deste xeito, Pazos sinalou que “nos atopamos ante unha nova proba da necesidade de que o Goberno de España transfira á Xunta a xestión do IMV, que permitiría unha administración máis eficiente dos recursos públicos, unha mellor prestación das axudas de carácter social e avanzar ata a integración do IMV e a Risga nunha renda única”.
REDEFINICIÓN DA RISGA
“Os bandazos que está a dar o Goberno de Pedro Sánchez, modificando ata en sete ocasións os requisitos e perfís de acceso ao ingreso mínimo vital, están a dificultar a redefinición da Risga e das axudas de inclusión social que ten que levar a cabo a Xunta”, sinalou o portavoz popular, cuestión que considerou “imprescindible, pero que non será posible namentres non exista estabilidade na tramitación do IMV”.
Por último, Alberto Pazos afirmou que “cada día que pasa resulta máis evidente o fracaso da xestión do IMV e a incapacidade do Goberno de España para resolver as lóxicas complicacións que poden xurdir ao implementar un recurso de estas características”. “O IMV estaba chamado a ser a xoia da coroa do escudo social anunciado polo Goberno de Pedro Sánchez, pero derivou no seu maior fracaso, sendo unha fonte de frustración permanente polos retrasos sufridos e polos problemas complementarios que está a causar”, concluíu.