Santiago, 10 de xullo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita ao Goberno central unha programación inmediata de carga de traballo suficiente para os estaleiros de Navantia en Ferrol.
O viceportavoz popular, Miguel Tellado, sinalou dous exemplos para acadar este obxectivo: axilizar o proxecto das Fragatas F-110, que non comezará os traballos de taller ata 2022; ou realizar un encargo dun buque de aprovisionamento loxístico para a Armada Española, que garantiría carga de traballo durante os vindeiros meses.
Tellado lamentou “o desleixo co que o goberno Sánchez ten tratado ao naval ferrolán, dado que no seu tempo á fronte do executivo retrasou dez meses a orde de execución das Fragatas F-110 para poder asinala en campaña electoral”. “Non podemos permitir seguir mirando como Pedro Sánchez ten o país paralizado mentres hai persoas que non saben se van ter traballo en setembro”, recalcou.
Do mesmo xeito, Tellado lembrou que durante os gobernos do Partido Popular se conseguiron importantes proxectos para Navantia-Ferrol, como a construción dun flotel para a petroleira Pemex, o contrato para o deseño e equipamento dun LHD para a Armada de Turquía, a construción dun Buque de Acción Marítima para a Armada Española, ou os dous pedidos de jackets de eólica mariña para Iberdrola, entre outros.